Blogia
alendoval

Lingua e contaminación

Falar vale para comunicarnos, para relacionarnos. Segundo sexa a forma de falar, a forma de relacionarnos e de comunicarnos é diferente. As linguas tamén son formas de estar no mundo, ou de estar dentro dun determinado grupo de xente, como o resto das cousas que facemos no día a día. Segundo fales e segundo a forma que teñas de utilizar a lingua serás percibido e ti percibirás ós demais. Isto prodúcese coa forma de falar, coa entonación das palabras e cun montón de cousas máis. Polo tanto, pola forma de usar a lingua podes situarte nun determinado grupo. Poderás falar como un adolescente, como un "rockeiro", coma un "panky", coma un "pijo" ou como o que ti queiras. Poderás falar de forma culta ou coloquial, dialectal ou como ti falas na túa casa. Falares e sentires poderiamos dicir que están moi relacionados.

En Galicia, en moitos casos, se falas en galego moitos poderante ver con alguén de ideas nacionalistas, no caso de que teñas estudos oficiais, e se falas en castelán poderán pensar que estás máis arrimado ás dereitas. Si, en Galicia a lingua vese bastante baixo o prisma político. Isto é froito do noso pasado, e do presente no que estamos. A Globalizacion ten moito que ver e que dicir nas formas que hoxe se teñen de considerar ás linguas. A lingua e a identidade nacional, rexional (ou a palabra e concepto que esté de moda e dé prestixio en cada época ou momento) van moi ligadas hoxe en día, e culpa diso tena a globalización en grande medida. Hoxe estamos imbuídos nunha forma de vida urbana, bastante homoxénea (polo menos superficialmente) e a xente intenta atopar refuxio nas súas raíces culturais para podérense recoñecer no mundo global como alguén diferente, e así recoñecerse a sí mesmo e ser recoñecido polos demais. Hoxe en día as linguas xogan moito ese papel, como marcas de identidade. Si, outros elementos como o carro que temos no xardín ou o cacharro de cerámica que temos na casa, pasando polos apeiros de labranza que eran dos nosos pais ou dos veciños, poden xogar tamén ese papel, pero é coa lingua coa que se poden obter mellores resultados, porque está viva. De aí tamén o empeño en que non se perda. Sen embargo, esa defensa ás veces faise desde postulados que non deberían ser utilizados, tales como o natural, a pureza ou a autenticidade.

Contaminación. Esa é a palabra que abaixo escribiu Marcos no seu comentario ó artigo que falaba da normativa. Parece claro que a xente busca unha pureza, unha autenticidade. Eu non o diría así, pero o que si é certo é que cada un queremos que a lingua ou as cousas sexan dunha ou doutra maneira. Isto é o normal e o comprensible. O que non me parece correcto, como digo, é a forma en que se defenden esas posturas. Non creo que, en xeral, unhas sexan máis "puras" ca outras. Son diferntes formas de ver as cousas e de querer que sexan, e punto, cada un que elixa e defenda as súas. Non nos olvidemos que todo se move por intereses, e a maioría das veces son intereses económicos e de "medrentío social". Non tanto intereses culturais ou sociais.

Hai investigadores da lingua e cultura galegas que mostran en exceso a súa vertente política en ámbitos nos que se debería mostrar unha postura máis imparcial. Tal vez esta postura se deba ó lío que houbo sobre a normativa do galego e as posturas enfrentadas sobre o mesma, como tamén ó ambiente político que se respiraba en Galicia. Pero non debería ser así. Algúns falan de contaminacións da lingua galega como as relixións falan de supersticións. Entendo que un relixioso fale de supersticións cando se refire a crenzas e rituais que non entran dentro do seu credo. Pero non creo que un investigador deba tomar postura por una "relixión" e falar de supersticións cando se refire a "rituais e crenzas" que se saen fora do que el propugna, en ámbitos que non son os adecuados. Eses investigadores deberían achegarse á lingua dun xeito máis aséptico, e achegar conclusións e interpretacións tamén, pero debería verse con claridade a diferencia entre o que é o estudio da súa postura personal, o que eles prefiren e queren que sexa. Os investigadores mais achegados ó estudio da lingua son os filólogos, que nos mostran as interioridades da lingua. Pero á hora de decidir a onde debe ir a lingua ou como debe ser, a decisión non só se debe tomar desde un punto de vista filolóxico (no que ademais non existe acordo), por exemplo, senón que tamén se deben ter en conta outros ámbitos sociais e políticos.

Dise que a forma de falar é igual a unha forma de estar no mundo, de contar as cousas que pasan, etc, etc. Creo que iso asúmese de xeito esaxerado. Fálase de lingua materna, da importancia da lingua nai... referíndose á importancia de normativizar a lingua. Quizais a lingua nai é unha das máis alonxadas da normativa. No meu caso hei de dicir que o galego normativo ás veces me resulta estraño. Si, eu xa sei que son un de tantos que está contaminado, que viviu a súa nenez rodeado dunha lingua "contaminada", chea de castelanismos, de dialectalismos, de vulgarismos e tamén da lingua castelá (da que se fala en Galicia e da que moitos se burlan, de xeito semellante ós que antes se burlaban da lingua galega). Si, eu nacín na contaminación, no falar da miña zona e da miña familia. Polo tanto, a aqueles que se lle enche o papo falando da importancia da normativización da lingua galega, e acuden ós exemplos de que é unha forma de ver o mundo, de sentir o mundo, que comeza coa nenez, etc., etc., eu teño que dicirlle que a forma en que eu vin ó mundo era unha forma "contaminada" e que non se parece moito á que se fala na televisión. E non só falo de palabras, senón de entonación, etc. E, ademais, moitos dos que falan e defenden o galego dunha forma máis radical naceron na lingua castelá, e non por iso teñen unha forma diferente de ver o mundo, ou si? 

¿A onde quero chegar con isto? Con isto quero sacarlle ferro ó asunto, quero que se limpe o aire de divindade que moitos lles poñen ás linguas e quero que asumamos o que queremos sen recurrir á "natureza" ou á "pureza" para lograr os nosos obxectivos.

"Dame unha pouca auga": sóname a galego

"Dame unha pouca aghua": sóname a galego, pero chégame máis a dentro. Algúns poden velo como cantaminación, outros poderán velo como pureza.

 

Miguel Sartal

[Alén do Val non se reponsabiliza do dito polos autores]

0 comentarios