Blogia
alendoval

As Grazas da nova normativa da lingua galega [por Miguel Sartal]

Chamoume moito a atención escoitar na TVG a palabra grazas. Non foi só unha vez, agora é algo habitual que digan grazas, ó igual que diferenza, e outras palabras que antes acababan e –cia e agora se escriben e pronuncian en –za. Son os efectos da nova normativa que se implantou recentemente: a chamada normativa de concordia, creo recordar. Paréceme unha boa solución, a concordia, para ver se acabamos dunha vez con tanta normativa particular que existe no mundo das palabras en galego. Eu son o primeiro confundido nese xardín das letras, e isto tamén é un xeito de excusarme polos erros que neste artigo poida cometer: digamos que se debe á confusión existente e non á miña ignorancia na cuestión... ¡que fácil pode un absolverse das culpas!. En fin, grazas entón pola vosa comprensión. Pero vaiamos ó asunto que aquí me trae: grazas. A primeira vez que a escoitei esa palabra sonoume estraña, e incluso dolorosa, como se esa palabra se me “atragantara” nas miñas orellas, ó igual que outras como diferenza, e máis, pero de diferente forma.
“Gracias” é unha palabra que acostumo oír habitualmente. Nunca oín dicir “grazas” á xente. Por iso me pareceu tan raro. Aínda así é posible que nalgún sitio de Galicia (tamén Galiza) se diga así e por iso se retomou nesta normativa. Non sei, supoño que é algo que os filólogos saben e a quen debería acudir ante o meu interese en saber. Algo xa me contaron, pero aínda teño dúbidas. A verdade é que “grazas” tocoume o corazón.
Un amigo comentoume que o tema das linguas e da súa normativa e normalización é moito unha cuestión política, e non só cultural ou filolóxica ou social..., e que ás veces se poñen normas que aínda sonando estrañas co costume un acaba de asumilas. Certo, iso todos o sabemos (para mostra temos a música), pero tamén é certo que debe haber límites polo que pode ser factible un cambio na normativa e non outro. A lingua é un elemento que hoxe se ten como marcador dunha diferencia, entón, se facemos máis diferente a lingua máis diferentes nos facemos nós, penso eu. Polo tanto, pregúntome de qué se está a escapar cando se prefire “grazas” en vez de “gracias”, ou a onde se quere chegar. Por algo se fixo, está claro. Eu podo non estar de acordo, pois paréceme un cambio demasiado “profundo”, por ser unha das palabras máis cotiás que poden existir, e que eu nunca coñecín que existira en forma de “grazas”, pois sempre escoitei gracias. Pero ben, isto é o que hai.
De tódolos xeitos, con este xeito de pensar de que co costume e o uso a todo se acostuma un, podemos, por exemplo, tomar a normativa portuguesa ou palabras desa lingua e aplicalas á lingua galega, porque aínda que nos poden resultar raras nun principio, como co costume todo se asume como normal... ou tomar a normativa castelá... Non se trata diso, estou esaxerando, pero esta esaxeración miña é “gracias” a esa palabra “grazas”. As normativas deben cambiar, e deben atender á sociedade, e a sociedade crea unhas normas segundo desexe que sexa a lingua, pero non se deberían tomar posicións que poden resultar extremas. Isto recórdame a casos como o da Igrexa, xa que existe unha separación moi grande entre o que pensan os seus dirixentes (porque non é toda a igrexa) e o ritmo que leva a sociedade. Ou tamén é o que pasa con algúns ecoloxistas, que meten especies nos bosques só atendendo e a unha idea do bosque e do rural, pero non se dan conta do efecto que lle produce ó campesiño que vive alí ó lado.
Todo isto está ben, a intención tamén, pero debemos de ter os pés na terra e a lingua non só vela nos libros, tamén na xente que a fala. Porque claro, xa non é que me soe mal a palabra grazas senón que tamén terei que ter coidado á hora de usala. Non parece unha palabra moi compatible co seseo, pois “grasas” pode producir un malentendido, ó igual que “ghrasas”. Espero que os meus veciños me entendan, que non é que estea de broma e me meta con eles, sobre todo a Doña Herminia, á que lle espero seguir falando durante moito tempo. Espero non ter que canbiar a miña forma de falar o galego, que é a que temos por aquí os das Ría Baixas. Por certo, se os cambios se asimilan rapidamente e sen problemas con tal de escoitalos e acostumarse a eles, por que non empezamos por cambiar esta linguaxe sexista que temos?, penso que podería ser unha boa iniciativa. “Gracias” por escoitarme.

Miguel Sartal

7 comentarios

Anónimo -

http://ivancarrera.blogaliza.org/2009/01/25/grazas-non/

Moncho -

Iria, a ver se te das conta dunha cousiña... Neste país no que vivimos, por degracia, todo, todo, todo está contaminado políticamente. Do que comentas podo ver isto que digo, e a nosa lingua non se libra diso. Hai que facer unha norma, como non, pero non influenciada por ideas políticas. A nosa lingua evolucionou moito (como todas as demais) dende as épocas das que ti falas e, se sufriu influencias do castelán (tamén como en moitas outras, véxase o inglés polo francés) ou estivo reprimida por esta, bótalle a culpa á xente que o fixo, non ó castelán que é unha lingua coma outra calquera.
Coido que pasou suficiente tempo como para que o galego sexa unha lingua e a galega unha cultura suficientemente diferenciada e independiente da portuguesa, e iso é o que deberíamos defender...

O caso é que unha norma ten que ter como base fundamental a fala, e a nosa non o fai...

Iria -

Síntoo, pero é que dóenme os ollos de ver o que escribiches María...Respeto moito os teus ideais, pero estás un pouco confundida...as nosas raíces están no galego-portugués, o único que fai a RAG é achegarnos as nosas verdadeiras raíces e eliminar todos os castelanismos posibles. Que para ti as raíces do galego sexan as que ti coñeciches desde pequena, non quere dicir que as raíces comecen aí, máis ben é o talo, desde que foi reprimido por Castela ata agora. Miguel Sartal… a onde se quere chegar é ás nosas orixes!! A min paréceme o mellor, é máis, prefiro que o galego se pareza ó portugués e non ó castelán, porque de aí ven a nosa prezada lingua. Galiza e Portugal foron un reino único nun momento da nosa historia, ata que Portugal se independizou e Castela reprimiu a Galiza... Eu quero as auténticas raíces da miña lingua.

Apoio a idea de Marcos e Juanan.

Juanan -

Olá. Graças nom é um portuguesismo (un portuguesismo, entendendo como tal umha expressom portuguesa que nom exista na nossa fala galega, seria, por exemplo dizer "obrigado!") Graças é a forma genuina que produziu a nossa língua a partir do latim gratiae. Gracias é um castelhanismo mais. Se aceitarmos castelhanismos, onde íamos ponher o límite? Ou haveríamos todos de dizer pueblo, dios, ghueves, abuelo... cando falarmos em galego? Nom sera melhor recuperarmos a nossa auténtica língua? Gracinhas

Moncho -

Na miña opinión:
Eu vou a ser un dos que non repeten a nova normativa do galego. Sinceramente, porque me parece unha tomadura de pelo por parte de certos \"intelectualoides\" que se atribúen a potestade de facer unha norma de cómo hai que falar e escribir o galego, en contra da realidade do que se fala polo pobo.
A nova normativa do galego supón unha clara baixada de pantalóns por parte da Academia Galega cara ós defensores do \"galego de mínimos\" e lusistas. O que máis me fastidia é que se fuxen todo o posible do castelán e se busca o portugués como referencia para multitude de palabras que cambian. Todo o que soe ou coincida co castelán é sospeitoso de cambio, e se busca unha forma parecida ó portugués (“presenza”, “ao”, “reitor”, “estudo”...). A ver cando se dan conta de que o galego e o portugués son línguas diferentes, e en Galicia non falamos portugués!!

E o de grazas!!! Pero de onde sacaron iso?? En que sitio de Galicia se di “grazas”?
Non estou en contra de que exista unha normativa, pero unha acorde coa realidade e na que se consolide o que se veu facendo ata o de agora (ou é que ata o de agora o que falabamos non era correcto?). O que sí considero que non se debería facer é acatar cegamente as normas sen un mínimo espíritu crítico cara as mesmas. Eu, dende logo, non vou a dar por bo todo o que saia da RAG só porque sexa necesaria unha norma. Norma feita por persoas que, estou seguro, na vida deron unha palabra de galego ata que descubriron o ven podían vivir diso. Dende entón dedícanse a reinventar a nosa língua cada certo tempo. E que non me digan que “etimolóxicamente certa palabra debería evolucionar así...” nin trapalladas polo estilo. A língua faina o pobo, e a iso teñen que atender.

Marcos -

pois eu penso que está ben dito, xa que o portugués é a nosa curmán, i esta lingua que estabamos a falar ate agora estaba contaminada polo castelán

María -

¿Por que razón teñen que uns 'intelectualillos' cambia-la nosa lingua? A lingua de sempre, a lingua que evolucionou ata chegar ó que é hoxe? Eu non vexo motivos, paréceme antinatural, ou ¿é que agora temos que parecernos ós portugueses? O GALEGO É O QUE A XENTE E DE SEMPRE FALA E FALOU. NON SEXAMOS TAN PROGRES QUE ESTROPEAMO-LAS ORIXES DUNHA LINGUA.