Blogia
alendoval

Selección Galega vs Selección de Uruguay [por Tan Totén]

Así se titula o partido de fútbol que terá lugar hoxe, 29 de decembro de 2005, en Santiago de Compostela. Será o debut da selección galega neste século. Non é a primeira vez que existe unha selección galega de fútbol, pois o seu debut data dos anos vinte do século XX (creo recordar). Desde entón non volveu haber unha selección galega de fútbol. No últimos anos as seleccións nacionais de diversas rexións de España están a formar os seus equipos de fútbol e doutros deportes. A galega é unha delas e, se ben custou poñela a andar de novo, ó final conseguiuse, como esta noite se poderá ver. Está claro que houbo moitas complicacións á hora de formar a selección galega. Hai moitas posturas enfrontadas. Incluso unha vez formada a selección galega xurde o problema do seu nome. Todo porque uns prefiren poñer Galicia e outros Galiza. A opción pola que se optou é a de selección galega, para asi non ter que referirse a Galicia ou Galiza sen molestar ós defensores dunha ou doutra opción. Selección galega, pero selección de Uruguay, non uruguaya. Que todo sexa para que non haxa molestias.

Galicia ou Galiza, a eterna discusión, ou iso parece. Como outras tantas, tal e como se reflicte nas normativas do idioma galego nas últimas décadas. Os filólogos parece que non se poñen de acordo. As posturas son moi enfrontadas. E como a filoloxía non consigue poñerse de acordo, porque todo depende do filólogo que faga o estudo, pois parece que as posturas políticas gañan terreo. Por una lado é normal, se non se define filoloxicamnete haberá que optar por unha ou outra cousa segundo o que a xente queira, penso eu. Pero iso parece que non deu resultado nas últimas décadas. Buf!, as ultimas décadas parece que están a dar moito de sí en canto a este tema filolóxico se refire. Será que nos estamos asentando.

Chegamos a unha nova normativa de Concordia. Pero hai moita xente que non está de acordo con esa concordia. Agora ben, se é a normativa que emana das institucións filolóxicas que ten a Administración de Galicia, haberá que respectalas, e se se queren cambiar haberá que empezar polo cambio desas institucións. Ou sexa, que aínda que non estemos moi de acordo con esa normativa non deberiamos deixar de usala, ó menos naqueles documentos máis oficiais. Tamén é certo que sería a normativa que deberiamos usar cando nos referimos á xente en xeral e en ámbitos públicos... Non?.

Pero teño dúbidas sobre o que digo. Porque do mesmo xeito que hoxe hai unha normativa, tamén houbo outra normativa antes, e en cambio esa normativa anterior non foi seguida por unha parte da poboación, que prefiriu outra. Algo así pode pasar coa normativa actual, ou non?. Entón, se antes non se repectou unha normativa por un grupo de xente que non estaba de acordo con ela, por qué o van facer agora aqueles que están en contra da actual? Será que uns fan mái ruído ca outros?, será que uns son máis cantidade de cidadáns?

Non está clara a normativa, filoloxicamente non está clara, quere dicir iso que hai que facer unha consulta popular para, a través duns criterios filolóxicos, elixir as opcións que estes dan?. Hai que facer un referendo para elixir se a normativa prefire Galicia ou Galiza? Respectaríanse eses resultados?.

Posturas enfrontadas. Intolerancias en moitos casos. Intereses agochados baixo posturas políticas e filolóxicas.

Hoxe moita xuventude galega fala de Portugal como o gran irmán, como o lugar onde vive xente coma nós, á que se respecta moito e á que se ten moi en conta. Algo moi distinto á relación que tiñan cos portugueses as xeracións anteriores, os nosos ascendentes. Tempos distintos, pensares distintos, cada un para sí é un rei.

Incluso algunha desa xuventude cando fala de Galicia refírese a ela como “A Galiza”, cun son e unha forma que a min me trae aires portugueses, pero que para quen o di é a forma real de dicir Galiza/Galicia. Oh, os nosos irmáns portugueses!. Eles, en xeral, non teñen esa forma de pensar, polo menos o que eu teño experimentado. Eles non nos tratan de forma diferente a outra xente de España, polo menos non baixo o condicionante de que teñamos unha historia cultural semellante ós portugueses do norte. E esas semellanzas non son con todos os portugueses.

Sen embargo, non vexo eu a mesma irmandade con outras zonas limítrofes, como pode ser Asturias. Penso eu que un do norte de Lugo pode ter máis cousas en común con un do occidente de Asturias, có que ambos os dous poden ter cun do sur de Galicia. Semellanzas hai moitas, unhas veces explótanse máis unhas ca outras, pero semellanzas e diferencias hai moitas, tantas como queiramos ter. Haberá que facer outro referendo para  dirimir isto? Igual os resultados non nos convencían a todos. En fin, que saiban os políticos que a súa forma de pensar non é a forma de pensar que teñen todas as persoas que viven en Galicia, e hai temas que son máis “delicados” ca outros. Pero iso, supoño que xa o saben.

 Tan Totén

[Alén do Val non se responsabiliza das ideas de cada autor dos artigos]

0 comentarios